Thursday 02 de May de 2024

Neda completa as obras de separación das redes de pluviais e residuais na Curva do Regueiro


A actuación evitará que se volvan repetir afundimentos no firme da rúa Regueiro

O Concello vén de rematar os traballos de separación da rede de pluviais na coñecida como Curva do Regueiro, no casco urbano. Unha actuación modesta, pero que resulta fundamental para a zona, pois atalla a orixe dos afundimentos do firme que se teñen producido nas inmediacións, con perigo para a circulación rodada. O último, no mes de xaneiro do 2021.

A obra, sufragada con fondos propios, vén a completar o proxecto de separación da rede de pluviais e de augas fecais na contorna do Regueiro, desenvolvido tempo atrás co apoio da Deputación da Coruña, estendendo a actuación a un tramo que quedara pendente.

Desta forma, segundo explica o alcalde, Ángel Alvariño, evitarase que a auga da chuvia e a de escorrentía, que baixa do monte Marraxón en días de tormenta, poida infiltrarse nas canalizacións que conducen as augas residuais, aumentando a presión e mesmo provocando a súa rotura. Un problema que se apunta como causa probable dos socavóns que nos últimos anos se rexistraron na rúa do Regueiro.

Neste contexto, o rexedor municipal subliña que esta mellora na rede de servizos básicos resulta clave para impedir que eses accidentes se repitan, e para garantir a seguridade na contorna. Finalmente, agradece aos propietarios dos terreos situados á beira do camiño as facilidades dadas para acometer os traballos.